Un dos pratos de mais éxito do verán, que por méritos propios pode considerarse xa un prato típico galego, a pesares de que so pasaron unhas décadas dende que os primeiros emigrantes galegos en Uruguay e na Argentina trouxeron esta forma de cociñar a carne, que tivo moito éxito en Galicia dende o principio, seguro que axudado pola calidade das nosas carnes que quedan moi ben na grella. Ata lle dedican máis dunha festa gastronómica, como non podía ser doutra forma, nestes días de verán.
Nos soemos facer na parrilla unha mezcla de costela de porco e máis o costeleiro da tenreira, que soe levar tamén parte de carne da falda, cortado en tiras dun bo grosor. Persoalmente non me gosta moito o chourizo criollo, pero si agradezo un bo chourizo de celanova ou da cañiza non moi curado no medio dun anaco de pan. Non son moi amigo dos prebes tipo chumichurri e prefiro uns cachelos e unha salada como gornición, polo que case poderíamos estar falando dun prato moi saudable e dietético, senón fora polo tragón que son e a cantidade de proteína que son capaz de meter no corpo nunha soa sesión de grella.
En canto á preparación penso que non ten moita ciencia: unhas boas brasas moi quentes pero evitando sempre o contacto directo do lume coa carne, colocándoa sempre primeiro pola parte do oso ata que estea ben dourada, dar a volta e deixar asar ata lograr o punto da carne. O éxito, como case sempre, estará asegurado coa calidade da carne a empregar, aínda que estando en Galicia e tendo a un carniceiro de confianza á man non debería ter duda.
Saúde a todos!


