O xornal Galicia Hoxe dedicou o domingo 28 de xuño dúas páxinas do seu suplemento Lecer a esta nosa aposta de fornecer de comida rápida, imaxinativa e de calidade.
Rebeca Fernández / Galicia Hoxe-. Comida caseira elaborada con materias primas 100% galegas, que van da neveira ó prato en tres minutos. Esta é a oferta da empresa viguesa Benboa, que se adapta ó ritmo frenético actual, permitíndonos gozar da comida sen renunciar á súa calidade con pratos preparados que conservan a súa frescura.
Chegamos a casa cansos e sen ganas de cociñar. O horario laboral obríganos a comer fóra da casa case a diario. E os días que temos de asueto, o que menos nos apetece é pasar a mañá metidos na cociña. Os novos estilos de vida e o ritmo frenético do día a día obrígannos a cambiar os nosos hábitos alimenticios, trocando a comida caseira polo menú do día de calquera restaurante ou pratos preparados poucas veces saúdables pero listos en só tres minutos. Renunciamos á calidade en favor da rapidez.
¿Por que non poder comer ben sen necesidade de cociñar? Isto foi o que un día se preguntou Paco Teira, técnico alimentario e grande afeccionado da cociña, que viu posible aglutinar o mellor da nosa gastronomía coas vantaxes que ofrece a cociña preparada. Así naceu Benboa, empresa radicada en Vigo, que ofrece pratos para quentar pero con receitas e materias primas galegas, que se rexen polos principios da Dieta Atlántica. "Cada día máis xente traballa fóra, ten menos tempo, menos ganas e iso das nosas nais de ternos a comidiña ó mediodía é cada vez máis complicado. Nós pretendemos ofrecer o máis parecido a iso: comida caseira elaborada con materias primas 100% galegas pero que vaia da neveira ó prato en só dous ou tres minutos", explica Teira, xerente dunha firma que se adapta ós novos tempos e mesmo ós novos tipos de familia. ¿Como? Preparando pratos imaxinativos e equilibrados para aquelas persoas que non teñen tempo para cociñar pero que tampouco están dispostos a renunciar a gozar dunha boa comida.
Aínda que Benboa non é a única marca galega de precociñados, a súa excelencia faina singular. A filosofía é clara: cociñar seguindo os principios da Dieta Atlántica e botar man unicamente de produtos galegos. "Non ten moito sentido que esteamos mercando produtos de fóra cando a nosa gastronomía goza dun gran prestixio no mundo e cando existen alimentos dunha calidade extraordinaria e que veñen da man de xente de aquí, que o está pasando moi mal coa crise", explica Paco Teira. Afondar nesta liña é o reto de Benboa, que estuda crear unha liña de produtos ecolóxicos, en colaboración co Craega, e mesmo promover un selo de calidade para o produto Dieta Atlántica. Un obxectivo para o que xa se puxeron en contacto coa Fundación Dieta Atlántica da USC para traballar conxuntamente na elaboración dunha futura certificación deste tipo. A calidade dos produtos é fundamental á hora de elaborar os pratos de Benboa. Pero tan importante como a materia prima é o tratamento que se lle dá á comida. Por iso, en lugar de optar por procesos agresivos como a conserva, en Benboa optouse por técnicas que permitan que o prato se pareza o máis posible a un que se acaba de facer. "Tratamos os alimentos de forma que non perdan todas as características de textura, sabor e nutrientes", explica Paco Teira, renunciando a alongar a vida útil do produto en favor da calidade. Un empeño que deu lugar a pratos o máis parecido ós que se acaban de elaborar que se conservan durante catro semanas. Conseguir esta vantaxe supuxo un ardua labor de experimentación, facer moitas probas e "tirar moita comida". O resultado de case dous anos de investigación é unha apetitosa carta formada por case trinta pratos de excelente calidade que atende todas as necesidades: entrantes, saladas, arroces e pastas, peixes frescos, carnes da terra e sobremesas. Todos eles elaborados sen ningún tipo de conservantes ou aditivos, polo que son aptos para tomar a diario. Para saborear estes manxares, a mellor opción é mercar a través da súa web (www.benboa.com), que envía os seus pratos a calquera punto do Estado. Áxil e práctica, na tenda online de Benboa, o consumidor pode elixir entre unha ampla oferta gastronómica, na que se especifican os ingredientes, modo de preparación e modo de rexeneración de cada prato, do que se especifica os seus valores nutricionais. A aposta pola rede non se limita unicamente ó carro da compra. Un grupo en facebook e un blog propio permitiranlle ó usuario adentrarse un pouco máis non só no mundo Benboa, senón tamén na gastronomía galega. "Colgaremos novas relacionadas co mundo da alimentación e a nutrición. Suxeriremos produtos e festas gastronómicas que nos parezan interesantes e mesmo achegaremos receitas e pratos novos para que os usuarios poidan opinar", indica Teira. Pero Benboa non é só un proxecto virtual. Polo momento, os seus pratos xa están presentes en restaurantes e taperías. Un camiño que esperan poder deixar pronto para vender a súa propia marca. A vía máis apetecible: a través de pequenas tendas de barrio ás que calquera de nós acode todos os días, como panaderías ou froiterías. Así, de paso que mercamos o pan ou algunha peza de froita, eliximos o menú que máis nos apatece. Dende Benboa xa se desbotou a idea de colocar os seus pratos en grandes superficies, onde esta marca galega tería que competir cunha oferta enorme de precociñados que non se rexen polos memos criterios de calidade de Benboa. Os responsables da marca viguesa esperan, nun futuro, poder comercializar eles mesmos os seus propios produtos a través de tendas pequenas propias ou franquiadas de Benboa, nas que ademais de comprar a comida para levar, tamén se puidese consumir no local. Un perfecto complemento á tenda online que, de momento, se viu freado por unha crise que provocou un importante parón nas iniciativas emprendedoras. Produtos frescos e da máis alta calidade, cociñados sen colorantes nin aditivos, baixos en graxas e calorías, que dan lugar a pratos imaxinativos e listos para tomar en tres minutos. Esta é oferta de Benboa, coa que xa non hai escusa para non comer rápido e ben.



