Lemos estes días na prensa diferentes novas relacionadas coa nosa saúde e os nosos habitos alimenticios que nos enchen polo menos de inquietude, senón de preocupación, sobre todo aos que pensabamos que Galicia conseguira manterse un pouco ao marxe dos novos estilos de vida, e que a nosa xente aínda se rexia polos hábitos de consumo propios da “Dieta Atlántica”, esos que falan do elevado consumo de verduras, de peixes e mariscos, do consumo de lacteos, do moderado consumo de viño e a elevada inxesta de auga e da realización dun exercicio físico moderado. Deberíamos pararnos a pensar un momento e volver a vista atrás, de pouco serve preocuparse polo aspecto físico, por estar mais esbeltos, por consumir todos eses novos productos probióticos, enriquecidos con mil cousas, se despois resulta que non probamos unha peza de froita, ou deixamos cada vez mais de lado o consumo de vexetais, ou non facemos nin un mínimo de actividade física, siquera un paseo diario para estirar as pernas.
No diario “El Correo Gallego” o profesor Tojo Sierra recordou que en 1998 a OMS definiu unha epidemia mundial de obesidade, derivada dunha alimentación con elevada carga de azucres e graxas e un progresivo abandono da actividade física. Os índices de obesidade, subliñou, multiplicáronse por tres nas tres últimas décadas na UE e as súas patoloxías asociadas ameazan con comprometer seriamente o estado de saúde das poboacións futuras. De feito, destacou, "por primeira vez en oito xeracións, os nados en 2000 vivirán menos que os seus pais ou terán peor calidade de vida".
No debate entorno á dieta atlántica, considerou fundamental apoiar o consumo de produtos propios da contorna natural destas comunidades que demostraron a súa contribución a unha alimentación saudable. O consumo de vacún novo, que ofrece unha mellor composición da carne, e as condicións do vento e correntes, que favorecen o mantemento nestas costas dun fitoplancto e zooplancton "extraordinario" que explica a alta variedade e calidade dos produtos do mar foron outras das vantaxes asociadas á dieta atlántica sinaladas por Tojo Sierra.
Por oitro lado lemos tamén no diario “La Voz de Galicia” os resultados do informe da Confederación Española de Organizacions de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios (Ceaccu) que nunha enquisa a 5.300 persoas a nivel estatal arroxa datos escalofriantes, tamen para os galegos, que somos dos que peor parados saímos, xa que a pesar de contar posiblemente cos mellores produtos de España, Galicia é a terceira comunidade autónoma con peores hábitos alimentarios, xa que unicamente o 2,5% da poboación observa hábitos adecuados.
Segundo esta enquisa o 55,9% dos galegos admiten inxerir menos de tres pezas de froita e verdura ao día, mentres que o 8,3% fixeron práctica habitual dos precociñados ou da bollería industrial. Outro 8% simplemente xamais come froita.
Pero o gran problema para Galicia aparece ao relacionar os pésimos datos de costumes alimentarios cunha insuficiente práctica deportiva. Segundo a enquisa, os galegos son os españois que realizan menos actividade física. O 52,5%, ningunha, un dato malo de seu, pero peor aínda cando se asocia a unha incorrecta alimentación.
Eso sí, temos un par de datos positivos nesta enquisa, o 33,8% da poboación consume peixe polo menos tres veces á semana, donde só Cataluña mellora lixeiramente ese dato, cun 34%. Ademáis o 74,5% dos galegos non consomen tabaco, sendo a mellor comunidade nese aspecto.
Aquí tendes o artigo completo tomado da edición de onte de “La Voz de Galicia”:
Agencia EFE. Os hábitos dos españois «distan moito» das recomendacións básicas de saúde, xa que se esquecen de levar unha alimentación sa, non practican deporte, dormen pouco e abusan de sustancias como o tabaco e o alcol.
Así se desprende dunha enquisa na que participaron unhas 5.300 persoas, a quen a Confederación Española de Organizacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios (CEACCU) interpelou sobre os seus costumes no coidado da saúde.
Aínda que o 74% dos españois declara estar preocupado por ter unha dieta sa, só o 6,6% alcanza os obxectivos de alimentación saudable respecto das froitas, as verduras, o peixe e os legumes.
A sondaxe, presentado este martes en rolda de prensa pola presidenta de CEACCU, Isabel Ávila, e o presidente da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), revela que menos do 12% chega a tomar as cinco pezas diarias recomendadas de froita e verdura.
Algo máis da metade da poboación deste país nunca toma un almorzo completo e os alimentos industriais están presentes no 25% dos fogares españois máis de dúas veces á semana.
En canto aos legumes, o 38% recoñece que non cumpre a recomendación para comer dúas racións semanais.
A situación complícase se se engade a estes malos hábitos o que sete de cada dez enquisados declara non realizar a diario ningún tipo de exercicio físico.
Tan só o 27% asegura practicar algún tipo de actividade física, incluídos os paseos a diario, e o máis frecuente é que leven a cabo algún exercicio moderado.
Como a graxas acumúlanse, se come moito, mal e non se fai deporte, o 35% confesa que recorreu a algún tipo de dieta de adelgazamento, iso si, sen contar con apoio médico.
A sexta parte -o 57%- dorme menos de sete horas diarias e o 35% recoñece que a tensión afecta á súa vida diaria, algo que se intenta combater con medicación, sobre todo no caso das mulleres, porque os homes recorren máis ao deporte.
A sesta preséntase como un costume en vías de extinción, xa que non a practican «nunca» cerca do 60% dos españois, aínda que un 26% cumpre con ela a diario.
Os fumadores habituais son un terzo da poboación -29,8%- mentres que o 47% manifesta que bebe alcol ocasionalmente, o 16% a diario e un 2% varias veces ao día.
Sobre o consumo de medicamentos, os españois son conscientes de que hai que tomalas baixo control médico pero un cuarto da poboación confesa haberse automedicado no último mes.
A presidenta de CEACCU explicou que o contraste entre a preocupación xeneralizada por levar unha vida sa e os hábitos que realmente se teñen, só ten unha explicación: «a percepción da realidade» que posúen os enquisados «non concuerda con ela».
A autora do estudo, Paula Saiz de Bustamante, argumentou que «os malos hábitos nunca veñen sos» porque en moitas ocasións quen comen peor, non fan deporte, descansan menos e fuman ou beben máis.
O home fronte á muller é quen menos se preocupa pola súa dieta, especialmente divorciados, solteiros e xente de menor nivel de estudos, puntualizou.
De Bustamante apuntou que, segundo a comparativa entre comunidades, os estremeños son os que mellor comen de España mentres que os madrileños son os que peor se alimentan.
O responsable da AESAN lamentou que na sociedade haxa unha «especie de obsesión» por cousas como os «antioxidantes» ou os «ácidos grasos omega», cando nin sequera se respecta a pirámide alimenticia, cuxo cumprimento reporta clarísimos efectos para a saúde e a prevención de enfermidades como as cardiovasculares, a obesidade, a diabetes, o cancro ou as neurodegenerativas.
Sabrido chanceou con que é necesario «aprender antes a sumar e a dividir, que a facer raíces cadradas», unha razón que levará a facer da «información» o eixo central da nova estratexia NAVES 2010-2015 (Nutrición, Actividade Física e prevención da Obesidade).



