Saúdos a todos, esta vai ser a primeira das anotacións no que quere ser un pequeno blog no que compartir con vos algunhas das nosas inquietudes, falarvos dos nosos pratos, contarvos dalgunha viaxe, opinar sobre algunha nova que nos pareza interesante, tervos ao día dos nosos adiantos, e tamen nalgún caso desafogar un pouco as nosas frustracións e atrancos para sacar adiante o noso proxecto, xa que o binomio mocidade – empresa de nova creación a meirande parte das veces resulta un obstáculo difícil de esquivar, aínda suplindoo coa ilusión, atrevemento e en moitos casos a imprudencia que nos da a xuventude.
Van alá xa un par de anos dende que nos xuntamos para poñer en marcha o proxecto Benboa uns mozos con moitas cousas en común, gañas de facer cousas novas, afeccións como viaxar, cociñar, e sobor de todo comer, tapear e conversar polos bares de Corrubedo, e Corrubedo, o pobo no que pasamos a meirande parte dos nosos bos momentos e que xa veredes, aparecerá por aquí en moitas ocasións.
Dende entón moito aprendizaxe, moito loitar con bancos, institucións, moitas probas de pratos ata dar cos resultados axeitados, … e esto non fai máis que comezar….
Gustaríamos eso sí que este bloc poidese servir de comunicación e intercambio de ideas con todos os que vos paredes un rato a interesarvos polas nosas anotacións, merquedes algún dos nosos pratos ou nón, interésanos moitísimo recibir as vosas opinións e suxestións, os vosos puntos de vista, que nos enviedes algunha receita tradicional da vosa zona ou que nos faledes da última festa gastronómica á que fóchedes. Para iso temos tamén creado no Facebook o Grupo “Benboa cociña galega”, ao que vos convidamos a unirvos e participar como mellor vos pareza.
Para comezar, e como xa estavades avisados, unha foto atopada en internet da rambla e o pequeno porto do pobo que nos namora e o culpable en grande medida da nosa paisón por esa cociña mariñeira dos nosos avós, na que as mellores materias primas estaban ao alcance da man (meu avó soe contar que cando era novo as nécoras subían das pedras ata a pista, pode que foxe un pouco exaserado, o que si sei e que foi no seu tempo un dos mellores polbeiros con bicherio da comarca, e que baixar ás pedras ou á praia a por uns percebes, uns mexillóns, unhas ameixas ou uns croques foi a súa paixón mentres o corpo llo permitiú, e tivemos sorte porque llo permitíu ata ben entrados os noventa, polo que puidemos gozalas durante moitos anos). Hoxe en día garantízovos que as nécoras xa non soben á estrada, e cada día e mais difícil marchar para a casa cunha boa robaliza ou uns bos sargos, pero algo aínda se vai facendo e volo iremos contando nas próximas entradas.



