
É evidente que a dieta Mediterránea é moito máis coñecida que a Atlántica, debido a que foi moito máis estudada e analizada, sendo innegábeis ademais os seus valores positivos desde o punto de vista nutricional e médico. En todo caso cada vez hai máis datos sobre a Dieta Atlántica que demostran que esta non só ten uns efectos nutricionais iguais aos da Mediterranea, senón que é ata máis beneficiosa.
O concepto de Dieta Atlántica esta asociado ao de dieta saudábel e funcional. A "Dieta Atlántica" abrangue todo o arco atlántico, unha gran despensa de alimentos, tanto pola súa variedade como pola súa calidade nutritiva e sensorial, e con mellor mantemento dos hábitos alimentarios tradicionais que noutros lugares. Caracterízase por:
- Consumo moi elevado de peixes e mariscos que constitúen a gran reserva actual natural do atlántico e con importantes propiedades funcionais, ácidos grasos omega-3, vitaminas, calcio, etc., fundamentais na prevención de enfermidades cardiovasculares, e nas diferentes etapas do desenvolvemento vital.
- Consumo de alimentos vexetais en abundancia, cereais, patacas e legumes, importantes fontes de hidratos de carbono complexos, así como de froitas e hortalizas.
- Utilización do aceite de oliva como principal graxa culinaria, especialmente como aderezo en cru.
- Consumo diario de produtos lácteos.
- Consumo con moderación de carnes novas magras, como a tenreira ou o porco, proteínas de alto valor biolóxico.
- Inxesta abundante de líquidos, prioritariamente auga, pero tamén un consumo moderado de viño.
- Gusto pola sinxeleza na preparación dos alimentos, para manter a calidade e valor nutritivo dos alimentos.
- Mantemento dos hábitos alimentarios tradicionais atlánticos. Sábese comer e gózase diso.
- Realizar actividade física a diario, tan importante como comer adecuadamente.


