
Galicia e a pesca están unidas desde hai séculos, desde os romanos, que converteron a pesca nunha importante actividade económica da que quedan aínda hoxe restos arqueolóxicos como as salinas, pasando pola chegada dos primeiros industriais cataláns que fixeron prosperar as fábricas de salgadura primeiro e de conservas en aceite despois e, finalmente a industria do conxelado na que Galicia é pioneira.
Hogano Galicia é unha potencia mundial en industria pesqueira, pero é sen dúbida o peixe fresco o principal atractivo da nosa gastronomía, xa que son innumerábeis os portos espallados ao longo de todo o noso litoral e nos que se descarga a diario unha enorme variedade de especies dunha frescura e calidade inmellorábel.
O repertorio de especies de interese culinario é enorme, desde a pescada, o peixe sapo, o rodaballo, ollomol, ou as mais modestas sardiñas, xardas ou xurelos, pasando polos cefalópodos como o polbo ou a lura, os crustáceos, coa centola, a nécora, o boi ou o lumbrigante, e os bivalvos, ameixas, mexillón, croques…
A recentemente creada marca de calidade "PescadeRías" e a denominación de orixe "Mexillón de Galicia" contribúen a fomentar o consumo destas xoias do mar e a asegurar a calidade do produto que chega ao consumidor.

