
Como galegos e galegas, somos conscientes do prestixio e a boa imaxe da nosa gastronomía, coa súa calidade e variedade en preparacións e materias primas, valoradas moi positivamente e asociadas exclusivamente á nosa terra, ademais da percepción desta como saudábel e natural, con importantes estudos nos últimos anos e até coa recente creación da Fundación "Dieta Atlántica".
Todas as propiedades saudábeis das materias primas reálzanse pola sinxeleza na preparación das mesmas. Coccións, ferros ou guisos fan destacar as características organolépticas e nutritivas das materias primas da dieta atlántica, o que fai das técnicas de preparación e conservación que utilizamos na nosa cociña especialmente indicadas para iso.Trátase pois a nosa dunha liña de pratos de cociña galega, baseada nos principios da Dieta Atlántica, concedendo unha enorme importancia ás materias primas utilizadas, carnes e peixes de primeira calidade acompañados de gran variedade de excelentes vexetais, cultivados e extraídos da terra e dos mares de Galicia e procesados de maneira que conserven todas as súas características organolépticas e nutricionais, cun toque creativo, combinando sen complexos todos os ingredientes que temos ao redor e incorporando algúns que até agora non eran tan frecuentes na nosa cociña, como as algas, as castañas ou os cogomelos, e practica, ao tratarse de pratos xa preparados e que só requiren dun quecemento previo para o seu consumo.


