22.06.2009 O pasado venres o Reitor da USC, Senén Barro, presentou o libro sobre a Dieta Atlantica obra dos profesores da mesma Univesidade Rafael Tojo e Rosaura Leis e editado pola Fundación "Dieta Atlántica" creada na Universidade no 2007 e que trata de poñer en valor e dar a coñecer os beneficios para a saude da nosa dieta. Unha gran noticia tomada do xornal "Galicia Hoxe" da que nos facemos eco e que podedes ler completa de seguido.
Foi o fisiólogo norteamericano Ancel Keys, coñecido como Mr. Colesterol, quen, a mediados do século pasado, cuñou o termo dieta mediterránea. Fíxoo tomando como modelo de estudo a alimentación dos cretenses e atribuíndolle as características culinarias de principios de século dalgunhas áreas mediterráneas. Agora, nas terras bañadas polo Atlántico comézase a asumir o rótulo que identifica a súa alimentación tradicional. Unha dieta tan sa como a mediterránea, mais con algunhas características engadidas especialmente positivas, que teñen, entre outras cuestións, a lonxevidade dos seus consumidores como elemento común.
Un dos referentes internacionais na materia é a Fundación Dieta Atlántica, creada en maio do 2007 pola Universidade de Santiago de Compostela, que xa foi declarada de interese sanitario pola Xunta de Galicia. Ademais, desde 2002 celébranse en Baiona encontros bianuais sobre alimentación e nutrición arredor da dieta atlántica que traballan para converter a Dieta Atlántica en referente mundial de consumo saudábel.
Din os seus integrantes que o patrón de Dieta Atlántica debe establecerse tendo en conta os alimentos, cuxo consumo constituíu tradicionalmente a achega maioritaria de enerxía, nutrientes e compoñentes de interese nutricional. Do mesmo xeito que se postulou para o recoñecido modelo de Dieta Mediterránea, debe basearse principalmente no modelo gastronómico dos anos 50-60 do século XX nas comunidades de dieta atlántica (no Estado español Galiza, Asturias, cantabria e País Vasco), xa que nos anos posteriores, os cambios nos hábitos de consumo das sociedades neoliberalistas puideron modificar en parte a dieta orixinaria, sen esquecer que a súa penetración foi considerabelmente menor, ou máis tardía, no ámbito do Arco Atlántico.
"O consumo regular de peixe ao longo de toda a vida reduce o risco de padecer alzheimer e outras enfermidades cardiovasculares, de inflamación ou de trastornos na conduta", segundo un libro que analiza as características nutritivas da dieta atlántica. O título, que presentou onte o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro, é obra dos profesores Rafael Tojo e Rosaura Leis, e acaba de ser editado pola Fundación Dieta Atlántica da USC, da que Tojo é patrón. Así, "O peixe e as algas. A súa importancia no neurodesenvolvemento e a función cerebral" constitúe un estudio científico da riqueza en nutrientes da dieta atlántica, concretamente, da alta achega do peixe de ácidos graxos "Omega 3".
Vital no embarazo e máis no aleitamento
Segundo Tojo, o papel do Omega 3 é "moi importante" en órganos vitais para o ser humano como o cerebro, a retina, o corazón ou tamén en células como os espermatozoides. Así, recomenda a súa inxesta durante todo o ciclo vital como unha "garantía" de protección para a etapa adulta.
A inxesta de produtos do mar nas comunidades atlánticas é sensibelmente superior ao da mediterránea (34,7 quilos por persoa ao ano fronte a 23,6). Peixes, mariscos, moluscos e crustáceos son unha fonte única de ácidos graxos Omega 3 de cadea moi longa. "Non existen outros alimentos que inclúan o Ácido docosahexaenoico (DHA) e o Ácido Eicosapentaenoico (EPA)", sosteñen na fundación. "O DHA está presente en todas as membranas das células do corpo e favorece a súa estabilidade e función. É importante destacar que as cantidades maiores de DHA están en tres órganos de extrema importancia: cerebro, retina e corazón, polo que os seus beneficios abarcan todo o ciclo vital, do feto ao ancián". Unha muller embarazada ou que estea aleitando o seu fillo, que consuma unha cantidade adecuada de DHA está a favorecer o desenvolvemento cerebral e retiniano do feto ou do pequeno, xa que estes se fraguan principalmente entre a segunda parte do embarazo e os dous primeiros anos de vida.
A CERNA
"É parte do noso patrimonio cultural e identitario"
"A dieta atlántica é parte do noso patrimonio cultural e identitario; non é só un tipo de alimentación, senón un estilo de vida, onde existe a actividade física e onde prima a parte pracenteira e social do acto gastronómico, que favorece o noso hábitat e o noso medio e que conforman a nosa ideosincrasia.
Como se non, ían existir cerca de trescentas festas vinculadas a alimentos?", subliñan na fundación. O Arco Atlántico Europeo constitúe unha gran despensa de alimentos, non só pola súa variedade, senón tamén pola calidade de compoñentes nutritivos e non nutritivos.
Comer no Arco Atlántico Europeo é símbolo de saúde e de pracer: asócianse un gozo da comida e bebida, xunto cun mellor mantemento dos hábitos alimentarios tradicionais alleos ao modelo occidental. O paradigma desta tendencia é Estados Unidos e caracterízase polo consumo abundante de alimentos manufacturados de baixa calidade nutricional e ricos e calorías. Este estilo dietético coincide co aumento crecente da prevalencia da obesidade, doenzas cardiovasculares, diabete de tipo dous, doenzas neurodexenerativas, osteoporose e certos tipos de cancro.
"A poboación debe ter en conta, en consecuencia, que o consumo sistemático destes alimentos favorece o estado de enfermidade e é a nosa responsabilidade asumilo como tal e esixirlles á industria e ás autoridades que regulen a favor duns hábitos de vida saudábeis, porque a vida con saúde é a mellor vida posíbel", aseguran desde a Fundación Dieta Atlántica.
Son moitos os países europeos cuxas costas son atlánticas e con modelos alimentarios distintos, cuxo estudo resulta primordial para comprender mellor a influencia no desenvolvemento e saúde dos seres humanos.


